jueves, 18 de agosto de 2011

Promoción 2009-2011

Quedan poucos días para comezar un novo curso e vos, meus pequerrechos comezaredes unha nova aventura no 3º ciclo. Aprenderedes moito e espero que tamén o disfrutedes pero estou nerviosa, intranquila porque o faredes sen min, sen estar eu ao voso lado e poder guiarvos.

Xa nos despedimos no cole, con moitos bicos, apertas e lágrimas pero non nos despedimos no blogue, e como é o NOSO BLOGUE (porque sen vos de seguro non sería tan fantástico) teremos que facer unha entrada de despedida do 2º ciclo.

Primeiro imos poñer a foto da nosa orla, nosa preciosa orla...



De segundo vouvos poñer a última foto que vos saquei xuntos, o último día antes do festival. Eu só vos vou dicir, que é PRECIOSA (será porque todos e cada un de vos sodes preciosos).



E xa por último dicirvos que me emociono ao escribir esta entrada de despedida. Emociónome porque non me gustan nin as despedidas nin os cambios. Sen embargo, estou case segura de que aínda que non sexa a vosa profe seguirémonos vendo polo cole adiante e só por iso xa estou contentísima; porque sempre seredes os meus pequerrechos.

Nunca esquezades que sodes ESPECIAIS, FANTÁSTICOS, ESPLÉNDIDOS...e se nalgún momento por algunha razon se vos esquece eu estarei ao voso lado para recordárvolo.

Creo que a mellor maneira de dicirvos todo o que vos quero é deixando a carta que leváchedes coa orla. Esa será a nosa mellor despedida:

Os minitrastes

Xa vai facer dous anos que cheguei ao colexio de Barrantes. Recordo que cando o vin por primeira vez pareceume un cole pequeno e acolledor. Tamén lembro que cando me ensinaron as fotos dos nenos de 3º, aos que lle ía dar clase, asusteime bastante: tiña ganas de coñecervos, non sabía como vos iades comportar e sobre todo quería facelo moi ben.

Chegou o día en que nos coñecemos e aí xa non tiña medo a nada, custoume un pouco que deixárades a vergoña na casa, outro que vos acostumárades a min (e eu a vos) e poucos días máis tarde xa estabamos aprendendo, xogando, pintando, sacando fotos, aprendendo teatro...e foi entón cando decidín que tiñamos que ter un BLOGUE, xa que todas as cousas marabillosas que faciamos xuntos terían que estar nun sitio onde todos puidesen disfrutar delas. Chamouse CON GANAS DE APRENDER porque era o que tiñamos, moitas ansias por saber. O tempo pasa rápido e o curso rematou, un curso marabilloso, moi tranquilo.

Xa en 4º, outra vez xuntos! Esta vez eramos dous mais, a pesar de seguir sendo os mesmos quixéchesme dar guerra (toda a que non me díchedes en 3º) e comezamos o curso mais ben mal: con moitas riñas, castigos, charlas cos vosos pais e nais...supoño que son cousas que pasan, nos facemos maiores e nos voltamos un pouco máis rebeldes. Cando conseguimos levarnos mellor fixemos unha morea de cousas: relaxación, proxectos con outros cursos, coidar os nosos vermes de seda...un ano menos tranquilo pero igual de marabilloso, digamos que houbo máis riñas, pero de tódolos xeitos compartimos risas e chistes.

Neste tempo xuntos intentei ensinarvos o mellor que puiden, pouco pero ben, pero sobre todo sempre quixen que tiverades claro o significado dunha palabra, a máis importante na clase, no cole e na vida: RESPETO. Estou contenta porque sei que todos sabedes o que significa, algúns a poñedes en práctica, outros ás veces e uns pouquiños algunha que outra vez. Co tempo todos aprenderedes a facelo.

Meus queridos MINITRASTES, eu aprendín moito de vós: aprendín a ter paciencia, a ser máis tranquila, a falar con rodeos,a ser clara, a poñer cara de bruxa, palabras novas, lugares distintos, a xogar, aprendín a ler na vosa mirada, a perdoar, a non ser tan testaruda, tamén que a fantasía non só é cousa de pequerrechos...cada día aprendín unha cousa distinta.

Pero sobre todo nestes dous cursos aprendín que cada un de vos sodes especiais e que dende o día en que nos coñecemos xa vos teño alugado un recuncho no meu corazonciño.
Ana



Con todo o meu cariño (que non é pouco), a vosa profe, mil bicos cheos de amor.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario!